Monday 29 de April de 2024

Un total de 410 estudiantes universitarios de Grao reciben os premios de Excelencia Académica


— O 62% das persoas galardoadas son mulleres e o 38% homes

— O premio ascende a 1.000€, cunha contía adicional de 500€ para os 216 mellores expedientes

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se conceden os Premios de Excelencia Académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivo as mellores cualificacións no curso 2019/20 no Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao, -agás o último que conta cun premio específico- e, en cada centro no que se imparta.

Un total de 410 estudantes recibirán este galardón, que ten como obxectivo recoñecer o esforzo dos estudantes do SUG, que redunda nunha mellora da calidade para o conxunto do sistema. Dos premiados, 163 son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 115 da da Coruña (UDC) e 132 da de Vigo (UVigo). O 62% das persoas recoñecidas con estes galardóns son mulleres e o 38% homes.

Por rama de coñecemento, o 45% son estudantes de Ciencias Sociais, o 18% de Enxeñaría e arquitectura, o 15% de Ciencias da Saúde, o 13% de Artes e Humanidades e o 9% de Ciencias.

Na USC a máxima nota acadada, un 10, rexistrouse nas titulacións de Bioloxía, Historia, Medicina, Economía e Mestre de Educación Infantil. Tamén na UVigo a máxima foi dun 10 na titulación de Publicidade e Relacións Públicas. Na UDC a máxima nota é un 9,933 no Programa de simultaneidade de Grao en Administración e Dirección de Empresas e Grao en Dereito (Campus da Coruña).

Incremento de orzamento
O orzamento total da convocatoria incrementouse este ano ata os 518.000 euros. Cada persoa premiada recibe unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción. Ademais, no caso de non esgotarse o crédito existente, asígnase unha contía complementaria de 500 euros ás persoas premiadas que teñen unha nota media igual ou superior a 9, comezando dende os expedientes con maior nota. Nesta convocatoria, reciben esa contía adicional un total de 216 galardoados.

No curso pasado concedéronse un total de 396 premios fronte aos 410 que se conceden este ano, o que supón un incremento de case un 3%.

Os Premios de Excelencia Académica veñen completar os Premios Fin de Carreira, que cada ano outorga a Consellería de Cultura, Educación e Universidade aos mellores expedientes dos egresados nas universidades do SUG.